Trácese a mediatriz de AB. Con centro no punto medio M e raio MB localícese na mediatriz o punto P. Con centro en P e raio PB trácese outro arco que cortará a mediatriz en O, centro do octógono.
Con frecuencia na descrición deste método aparece nos textos un cadrado con base AB do que se localiza o centro e se traza a circunferencia circunscrita. Obsérvese que P sería o centro deste cadrado e que o arco BO formafía parte desa circunferencia. Sabendo que o ángulo inscrito nunha circunferencia ten exactamente a metade de graos que o ángulo central que abarca o mesmo arco, é válido afirmar que en calquera polígono regular, o punto da circunferencia circunscrita máis distante a un lado base é o centro da circunferencia circunscrita do polígono regular que ten o duplo de lados sobre o mesmo lado base.
Trátase por tanto dun método exacto. |