Representación do plano: Un plano determínase mediante tres puntos non aliñados, unha recta e un punto exterior, dúas rectas paralelas ou dúas rectas que se cortan. O habitual no sistema cónico é empregar dúas rectas, que son as trazas do plano. * A traza horizontal é a intersección co plano xeometral, formada por todos os puntos do plano que teñen altura cero. * A traza vertical é a intersección co plano do cadro, ou recta formada por todos os puntos de distancia cero. * A recta límite do plano, ou recta impropia, está formada por todos os puntos a distancia infinita, e polo tanto por todos os posibles puntos de fuga das rectas do plano.
Un plano denomínase cunha letra grega minúscula. As súas trazas, como son rectas, noméanse con latina minúscula (h ou v) seguida da letra do plano. A nomenclatura antiga que emprega letras gregas con subíndices nas trazas é técnicamente confusa, xa que estas non son as proxeccións do plano, só rectas particulares. Tipoloxía do plano: Plano oblícuo - É oblicuo aos dous planos de proxección, e presenta as características xerais: a traza horizontal córtase en LT coa traza vertical, e en LH coa recta límite. A traza vertical e a recta límite son paralelas.
Plano horizontal - É paralelo ao xeometral, polo que carece de traza h. A traza vertical é paralela a LT. Arecta límite de todos os planos horizontais é LH.
Plano frontal - É paralelo ao plano do cadro, polo que carece de traza v e de recta límite. A traza horizontal é paralela a LT. Está formado por todos os puntos do espacio que están a unha profundidade concreta.
Plano vertical - É perpendicular ao xeometral. Recoñécese porque a traza vertical e a recta límite son perpendiculares a LT.
Plano de canto - É perpendicular ao plano do cadro. Esta perpendicularidade tradúcese en que a traza h fuga ao punto principal P.
Plano de perfil - É perpendicular aos dous planos de proxección. A traza vertical e a recta límite son perpendiculares a LT. A traza horizontal fuga a P.
Plano paralelo a LT - Non é paralelo aos dous de proxección, pero sí á súa intersección. As dúas trazas e a recta límite son paralelas a LT. Pode situarse unha delas dadas as outras dúas, empregando unha recta oblícua.
Plano visual ou proxectante - Pasa polo punto de vista, polo que as tres rectas notables aparecen superpostas na perspectiva. O plano de horizonte é visual e horizontal. O plano principal é visual e de perfil. O plano de desvanecemento é visual e non proxectable.
Plano visual vertical - dentro do grupo anterior, represéntase por unha única recta vertical, e resulta moi práctico para o trazado de perspectivas.
|