Métodos para a posición de puntos en perspectiva cónica:

Existen diferentes procedementos gráficos para situar puntos nunha perspectiva, a partir da súa posición descrita en vistas diédricas. Entre os autores do Renacemento, o máis interesante é o de Vignola, seguramente influído por como utilizaba Alberti unha vista de perfil para explicar como dispoñer no plano as alturas que corresponden a diferentes profundidades (ver Historia).


Método de Vignola.

Os puntos do alzado únense co punto de vista (o espectador), e os da planta únense coa proxección horizontal deste (os pés). As marcas na liña vertical, que representa o plano da representación, reoriéntanse como coordenadas para crear unha terceira proxección (non ortogonal).

Unha sistematización do MÉTODO DE VIGNOLA funcionaría así:

Un inconveniente do método é que non resulta intuitivo porque a figura parece rotar en sentido contrario na representación, pero pode solucionarse utilizando unha liña a 45 graos en substitución dos arcos, que invertirá a posición das coordenadas horizontais:


Método de Vignola, con inversión das referencias da planta.

A continuación imos ver varios dos métodos que se utilizan habitualmente para colocar a planta ou proxección horizontal dunha figura en perspectiva cónica. Un dos máis sinxelos consiste en traballar sobre a propia planta, situando o punto de vista, a liña de terra LT e a de horizonte LH á altura de V. Prolongando os lados da planta ata LT, teremos unha serie de puntos que coinciden na proxección diédrica e na perspectiva cónica, que queda superposta. Os puntos de fuga obtéñense trazando paralelas pola primeira proxección de V, e lévanse logo á altura de LH.

Para evitar a superposición, podemos desprazar a perspectiva -arrastrar o deslizador-


Superposición da planta vista en 1ª proxección diédrica e en perspectiva.

O MÉTODO DAS PROLONGACIÓNS permite trasladar só os puntos resultantes en LT á vista en perspectiva. Tamén se pode trasladar directamente a LH o punto principal P e as fugas. ASí resulta un gráfico moi despexado en canto a liñas. Así é como se utiliza habitualmente:


Método das prolongacións.

Outros métodos utilizan unha copia da primeira proxección diédrica, pero para evitar a superposición entre a esta e a perspectiva, aparece reflectida en LT. Teóricamente trátase dun abatemento do plano horizontal sobre o da representación, rotando sobre LT. Vémolo por exemplo no MÉTODO DE FUGAS A 90 E 45 GRAOS:


Método das fugas a 90 e 45 graos.

Este método foi descrito por Piero de la Francesca e sistematizado por Jean Coussin. Baséase en que os "tier points" ou puntos de distancia na perspectiva central funcionan porque son precisamente os puntos de fuga das horizontais que forman 45 graos con LT.

O MÉTODO DOS MÉTRICOS sitúa os puntos aplicando a medición de segmentos tal como se explica no apartado "Segmentos", habitualmente nas dúas direccións principais da planta.


Método dos métricos.

O punto métrico para cada dirección obtense abatendo V sobre LH cun arco de centro o punto de fuga correspondente. É un dos métodos máis utilizados na práctica

Outra forma frecuente é o MÉTODO POR HOMOLOXÍA, que considera o abatemento sobre o PC tanto o punto V (o Plano de Horizonte rota sobre LH) como a planta (o Plano Horizontal rota sobre LT). A posición dos puntos da planta rexístrase en forma de planos verticais visuais:


Método por homoloxía.

Existen outros métodos para trazar a proxección horizontal, porque hai outras combinacións posibles de rectas que transportan datos (fugas a 90º, a 45º, planos visuais, prolongacións etc. para localizar os puntos na perspectiva. Para completar a figura, logo de utilizar calquera deles, utilizamos rectas horizontais que pasen polos puntos da planta en perspectiva e cheguen a LH. Neste punto levántase a altura real, e búscase dende alí o punto de Fuga. Como esta recta e a que pasa polo punto da planta son no espazo dúas horizontais paralelas, na vertical dese punto teremos a altura perspectiva correspondente:


Método de horizontais paralelas para aplicar a altura a cada punto da figura,
compatible con calquera dos descritos antes para situar a planta.