MODOS DE FUSIÓN

ACRARAR


Resplandor suave nas luces

Con este efecto quérese dar un pouco de atmósfera naquelas imaxes ben expostas e máis ben en clave baixa, cando se prefiren siluetas non demasiado duras. Co modo acrarar acádase unha suavidade difusa, a xeito de resplandor, nas zonas de luz. O resultado pode lembrar iso que ás veces chamamos soft focus, ou tamén flou.

Imos facer o efecto neste retrato de John Scofield, cedido polo seu autor, Trane, da sua galería de músicos de jazz www.jazzseries.tk

Comezamos facendo un duplicado da capa fondo, por exemplo arrastrándoa na paleta ao símbolo de capa nova. A continuación poñemos a capa duplicada en modo Acrarar.

Duplicamos esta copia outras duas veces, e daquela teremos os tres duplicados en modo Acrarar. Para traballar na primeira copia, podemos situarnos nela e retirar a visualización das outras duas.

Aplicamos un desenfoque gaussiano de radio 2 píxeles. Se a foto chega a 3 megapíxeles, sería conveniente subir o radio a 3, e se ten máis de 6, xa iría merecendo un radio de 4 píxeles.

Na segunda copia, aplicamos outro desenfoque gaussiano, duplicando o radio (4), e na terceira copia, outro desenfoque co radio novamente duplicado (8).

A continuación, seleccionamos as tres capas desenfocadas para combinalas con Control+E. En PhotoShop 9 selecciónanse as tres, en versións anteriores só se pode seleccionar unha, daquela enlazaríamos as outras duas, antes de combinalas.

Unha vez combinadas, hai que volver a poñer a capa resultante en modo Acrarar, e báixase a opacidade, normalmente abonda con baixar a 40% ou 50%.

O efecto está listo. Se nalgunha zona como as partes escuras da cara, os ollos, a textura da roupa ou dalgún obxecto... non nos convence o resplandor, entón podemos crear unha máscara de capa, e cun pincel semiduro a pouca opacidade (15-20%) pintar de negro na máscara para recuperar o perfilado nesas zonas.

Neste caso, démoslle unhas poucas pinceladas para minimizar o efecto nalgunas zonas de sombra, insistindo un pouco máis no corpo da guitarra, máis ou menos como se indica neste esquema:

Comparamos por fin a imaxe orixinal co resultado:

Simulación de grano Matizar efectos de iluminación  

 


Arriba

  Páxina principal  
Modos de Fusión