TRATAMENTO E AXUSTE DE TEXTOS DIXITALIZADOS
Os documentos impresos convertidos en imaxe dixital, en especial os máis antigos, poden precisar retoques para mellorar o seu aspecto e lexibilidade ou para reparar danos. Os métodos baséanse en recursos que xa temos visto e aplicado en imaxes de tipo fotográfico, pero teñen bastantes particularidades, polo que ao principio pode parecer que mellorar un manuscrito vello escaneado é demasiado complicado.
Evitar as transparencias
Un dos trucos que debemos coñecer cando nos dedicamos a escanear documentos é evitar que se transparente a outra cara da folla. Se vemos as letras ou ilustracións da página seguinte, é porque o papel é moi fino e unha parte da luz que nos chega está sendo reflectida pola segunda folla logo de atravesar a primeira. Para bloquear esta luz parásita, hai que colocar detrás da folla a escanear algo negro, como unha cartulina, ou aínda mellor: un deses separadores de poliéster que veñen nas libretas de aros. Eu sempre teño un á man debaixo do escáner.
Transparencias debidas ás cualidades do papel.
Cunha folla negra detrás, o fondo aparece máis uniforme
logo do escaneo, aínda que tamén lixeiramente máis escuro.
Axustar os niveis
Con documentos dixitalizados danse dous casos craramente diferentes: cando somente interesa o texto e, polo tanto, o fondo debe ser uniforme -en xeral, branco-, e cando queremos conservar a textura e tonalidade do papel.
No primeiro caso, o histograma típico dun texto escaneado ou fotografado amosa á dereita o fondo como unha grande morea de píxeles. Outro montón moito menos numeroso é o texto. A transición de negro a branco é rápida, polo que son escasos os píxeles intermedios.
O axuste normal consiste en cortar os brancos até deixar moi pouco da montaña, para acadar unha transición rápida pero non brusca (indicación 1 da figura). O regulador negro pode levarse até a metade do grupo máis escuro (indicación 2). Poida que estes movementos fagan que as letras do texto queden finas ou inconsistentes de máis, inconveniente que se pode arranxar desprazando o regulador gris un pouco á dereita (indicación 3).
Un manuscrito con texto caligráfico e papel con ton e textura terá un histograma un pouco diferente. Fondo e texto vense máis xuntos, porque a transición é máis continua. Neste segundo caso, o tratamento é máis variable, pero trátase de contrastar recortando somente os valores máis extremos (indicacións 1 e 2 da segunda figura), acrarando os grises medios para definir mellor o texto (indicación 3).
Sombras pola curvatura das páxinas
Cando un libro ten moitas páxinas e non podemos forzar a encadernación, é case imposibel evitar a curvatura cara o interior. Cunha cámara pódese combater valéndose de soportes especiais e iluminación múltiple, pero cun escáner temos un serio problema. Algunhas veces cúrvanse mesmo as últimas palabras das liñas de texto, co que a situación pode ser insalvable.
A maioría das veces créanse unhas zonas de sombra que resultan molestas para a lectura. Imos tratar un exemplo típico, empeorado ademáis polo feito de ter colocado o libro nunha fotocopiadora e digitalizado despois a copia:
Vémolo máis perto:
Hai diversos métodos para desfacerse do sombreado. Un deles consiste en superpoñer unha capa, enchela dun gris craro (30% de negro ou RGB 200,200,200) e poñela en modo Luz intensa.
O gris da capa pódese variar até que vexamos o fondo sen grises, aínda que algunhas palabras estarán seguramente a punto de desaparecer.
Isto podémolo arranxar coas opcións de capa: arrastramos o triángulo negro da Capa subxacente até que se lea todo o texto e separámolo mantendo pulsada a tecla Alt, para poder dar dous valores e que a transición non sexa brusca.
Algunhas zonas do fondo volven amosar restos de sombra gris. Tamén as letras destas zonas estarán seguramente máis escuras que o resto, así que podemos reforzar nelas o tratamento.
Para elo, duplicamos a capa gris, arrastrándoa ao símbolo de capa nova (indicación 1); creamos logo unha máscara para esta capa pulsando o correspondente símbolo (indicación 2), e finalmente enchemos a máscara de capa de negro. A capa será invisible.
Por fin, cun pincel semibrando (70% de dureza) de diámetro cómodo e opacidade moderada (40%) pintamos de branco sobre a máscara, dando algúns toques nas zonas problemáticas. O único que nos quedará será algún que outro punto negro, moito máis doado de eliminar cun tampón ou pincel de tamaño máis pequeno.
Enfocar o texto
A tinta vaise decolorando co tempo, polo que algúns textos son pouco lexibeis. Afortunadamente, poden reforzarse cunha máscara de enfoque apropiada:
Cun valor de Cantidade entre 100 e 150, indicamos uns valores de Radio e Umbral máis ben altos, que evitarán a influencia da textura da base.
Cun radio alto -máis de 6 píxeles- os puntos escuros do texto compáranse cunha boa cantidade de píxeles craros, xa que o fondo adoita ocupar máis do 90% do papel. O umbral alto, pola sua bamda, restrinxe o efecto ás zonas que xa son bastante máis escuras que o fondo. Se a tinta estivese moi esvaída, habería que baixar o umbral co custe de contrastar algo o fondo, cousa que non interesa.
As zonas de fondo distribuidas arredor das letras forman rebordos moi molestos. Para eliminalos hai que aplicar inmediatamente despois do enfoque unha transición ao modo Escurecer, conservando o efecto só no texto. De paso, regúlase a intensidade, xa que unhas páxinas pedirán menos reforzo que outras.
Se o programa que empregamos non dispón do comando Transición, pode duplicarse a capa no inicio do proceso e poñela logo en modo Escurecer. Mesmo con Transición pódese ter a precaución de duplicar a capa e poñer o resultado en modo Luminosidade, xa que un enfoque pode chegar a alterar as cores, creando tonalidadess intensas inexistentes no orixinal.
|