PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►
 

RUTINAS PARA DESPÓIS DE DISPARAR

Cámaras de 5, 6 e 8 megapíxeles

¿Cómo podemos tirar o máximo proveito da nosa cámara dende o principio? Con estas orientacións sobre o manexo das dimensións das fotos e a experiencia en axuste e retoque que iremos acadando coa práctica, acabaremos gozando ao máximo das posibilidades da imaxe dixital. Se simplificamos o postproceso buscando a estratexia adecuada á nosa cámara, poderemos dedicar máis tempo ao que realmente nos leva idea: disparar, ver e compartir

Cámaras de 5 megapíxeles

Os primeiros modelos de 5 millóns de píxeles facían fotos de 2560 x 1920 puntos de resolución. Agora, é moi frecuente o tamaño de 2592 x 1944 píxeles, lixeiramente maior, que se expresa como resolución total de 5,04 millóns de píxeles. Se temos presente que cada megapíxel está composto realmente por 1,048 millóns de píxeles, falamos entón dunha imaxe de 4,8 megapíxeles reais. Volcada no ordenador, unha foto destas características ten un peso de 14,4 MB, xa que cada píxel equivale a 3 bytes.

a
Una táboa de referencias de tamaños serve para facerse unha idea das posibilidades da cámara.

Unha variable que non mencionámos no artigo anterior e que aparece moito nas cámaras de 5 megapíxeles é o formato de captura. Ademáis da opción de gravación en JPEG, teremos en moitas cámaras a posibilidade de gardar en RAW, e nalgunhas tamén en TIFF. Evítase así a perda de calidade que supón a compresión JPEG, se ben o número de fotos que collen na tarxeta diminuirá notablemente.

As posibilidades ao disparar en RAW son moi interesantes, pero merecen que as tratemos máis adiante, a un nivel un pouco más avanzado. De momento, esbozaremos rutinas dimensionais básicas.

Lembremos, antes de nada, que se disparamos fotos de 5 megapíxeles en formato JPEG, que supoñen 14 MB de información, un nivel aceptable de compresión na cámara tradúcese nun peso aproximado de 2 MB na tarxeta.

Recomendamos a continuación unhas rutinas posibles para o postproceso de imaxes de 5 megapíxeles:

1. Descargamos as fotos da sesión a unha carpeta do ordenador.

2. Abrímolas no programa de retoque e facemos os correspondentes axustes tonais.

3. Realizamos entón os axustes dimensionais: no cadro Tamaño de imaxe, desactivamos a casiña Remostrar e indicamos un ancho de 20 centímetros. A resolución pasará a ser de 325 ou 329 ppp (puntos por pulgada).

a

4. Xa podemos gardar o axuste como máster. Se preferimos redondear a resolución a 300 ppp, habilitaremos a opción de remostraxe e indicaremos esta resolución. Unha remostraxe a esta escala nunha foto de 5 megapíxeles non vai a supor ningunha alteración grave da imaxe.

Unha terceira opción é reencadrar: sen remostrar, indicamos unha resolución de 300 ppp. O tamaño pasará a ser de 21,67 x 16,26 centímetros. Entón, coa ferramenta Tamaño de lenzo, indicamos as medidas en centímetros. En función da imaxe coa que traballemos, faremos o recorte dende o centro, dende un lado ou dende unha esquina, utilizando o mosaico de anclaxe do que dispón, por exemplo, Photoshop.

a

Gardamos ol máster en formato TIFF ou en PSD, se interesa conservar recursos do proceso (capas, canles, estilos). A partir del, faremos versións para outras finalidades, seguindo os exemplos xa expostos no artigo precedente sobre as cámaras de 3 megapíxeles.

Chegados a este punto, lembremos a conveniencia de crear unha subcarpeta para cada cousa. Por exemplo: "Tomas", "Masters", "Copias15x10", "Pantallas".

Con 5 megapíxeles, por certo, podemos atrevernos con impresións de 30 x 20 centímetros. Se somos afeizoados a este tamaño, adaptaremos a rutina cando fagamos o máster. A diferencia é que ao indicar este tamaño sen remostraxe, a resolución baixará a 217 ou 220 ppp, un pouco xusta para a obtención de copias de calidade fotográfica.

É certo que poderíamos facer unha remostraxe á alza, pero neste caso non o recomendamos. A interpolación únicamente soluciona o pixelado, que xa non é visible a 220 ppp, pero non aporta máis riqueza de cor, que é o que pode marcar a diferencia cunha toma que, a igual tamaño, proporcione resolucións de 250 ou 300 ppp.

Cámaras de 6 megapíxeles

No tramo dos 6 megapíxeles, atopamos actualmente compactas con tamaños de imaxe de até 2816 x 2112 píxeles (tamén de 2872 x 2160), e con réflex dixitais de 3072 x 2048 píxeles (ou de 3000 x 2000). Isto deix entrever a convivencia de formatos de proporción 4:3 con outros que se adaptan ao clásico 3:2. As referencias de tamaño quedan reflectidas nesta táboa:

a

Táboa de referencias para os formatos de 6 megapíxeles.

O peso medio de cada foto na tarxeta cunha compresión JPEG pouco agresiva pode oscilar entre os 2,5 e os 2,8 MB. En RAW, anótanse 2 bytes por cada píxel (unha única canle capturada a 12 bits e anotada a 16), polo que estaríamos falando de 12 MB. De todos os xeitos, xa se está implantando a compresión sen perdas, que pode reducir o tamaño na tarxeta mesmo a 7 MB.

As rutinas a seguir con cámaras compactas de 6 megapíxeles que utilizan o formato 4:3 é a seguinte:

1. Descargamos as fotos da sesión a unha carpeta do ordenador.

2. Abrímolas no programa e facemos nelas os axustes tonais.

3. Realizamos os axustes dimensionais: en Tamaño de imaxe, desactivamos a casiña Remostrar e indicamos un ancho de 30 centímetros. A resolución sitúase en 238,4 ppp.

a

Obtemos así un máster para impresións de calidade ao que lle sobran 2'5 centímetros de altura para axustarse ao formato usual de 30 x 20 centímetros. Chegados a este punto, temos dúas opcións : deixalo así, a risco de cortar algún detalle interesante cando encarguemos copias, ou ben recortalo coa ferramenta Tamaño de lenzo, indicando unha altura de 20 centímetros (obsérvese no gráfico que, en Photoshop, dispoñemos dun mosaico de nove casiñas para controlar o recorte).

a

A segunda alternativa permite evitar sorpresas no revelado, pero a primeira conserva o formato 4:3, co que podemos facer unha versión para copias de 20 x 15 centímetros cun único movemento:

1. En Tamaño de imaxe, activamos as casiñas Remostrar e Restrinxir, sinalando unha resolución de 300 ppp e un ancho de 20 centímetros.

a

Se o máster está recortado a 30 x 20 centímetros (a segunda alternativa antes comentada), é tamén moi cómodo facer unha versión para copias de 15 x 10 centímetros:

a

Por suposto, a opción que escollamos como rutina dependerá do tamaño de copia que usemos habitualmente. Mesmo podemos facer o máster directamente a un tamaño de 15 x 10 centímetros, se non somos dados a imprimir ampliacións. Sempre podemos recuperar a toma en casos puntuais.

2. Gardamos o máster axustado en TIFF ou PSD. A partir deste, faremos as restantes versións, segundo os exemplos que acabamos de dar e outros xa expostos para cámaras de 3 megapíxeles.

Vistas as rutinas para cámaras compactas, vexmos agora as recomendadas para máquinas réflex que traballan co formato 3:2:

1. Descargamos as fotos da sesión a unha carpeta do ordenador.

2. Facemos co programa de retoque os axustes tonais e, no seu caso, o procesado do arquivo RAW.

3. Efectuamos os axustes dimensionais: En Tamaño de imaxe, desactivamos a opción Remostrar e indicamos unha resolución de 260 ppp. Obtemos un máster preparado para a súa impresión a 30 x 20 centímetros, que gardamos en TIFF ou PSD.

a

A partir do máster, podemos obter outras versións. Para copias de 15 x 10 centímetros, accedemos ao menú Tamaño de imaxe, activamos as casiñas Remostrar e Restrinxir proporcións, subimos a resolución a 300 ppp e indicamos 15 centímetros de ancho.

a

As copias intermedias de 20 x 15 centímetros teñen unha proporción distinta, polo que primeiro indicamos unha anchura de 20 centímetros e logo, no cadro Tamaño de lenzo, recortamos a altura a 15 centímetros, tal como fixemos antes coas cámaras de 5 megapíxeles.

Para versións máis pequenas (unha imaxe para visualizar en pantalla, fotos para enviar por correo electrónico, documentos, etc.) seguiremos o procedemento descrito para as cámaras de 3 megapíxeles.

Cámaras de 8 megapíxeles

As primeiras cámaras lanzadas ao mercado cunha resolución de 8 megapíxeles fan fotos de 3264 x 2448 píxeles. Cáseque 8 millóns de píxeles que son, en realidad, 7,62 megapíxeles. Preto de 23 MB de información, en termos de canles RVA (vermella, verde e azul) de 8 bits por canle. Disparando en JPEG a tamaño completo, o peso medio na tarxeta flash debería rondar os 3 MB; en RAW, cunha boa compresión sen perdas, algo máis do triple.

a

Referencias de tamaños para cámaras de 8 megapíxeles.

Vexamos rutinas de postproceso para cámaras desta resolución:

1. Descargamos as fotos ao ordenador; facemos os axustes tonais e, no seu caso, o procesado RAW.

2. Realizamos os axustes dimensionais: desactivamos a casiña Remostrar e indicamos un ancho de 20 centímetros. A resolución pasa a ser de 276 ppp.

a

Contamos así cun máster que sobrepasa en 2,5 centímetros o formato habitual de 30 x 20 centímetros. Atopámonos, por tanto, na mesma situación e coas mesmas opcións que as descritas para compactas de 6 megapíxeles. A diferencia é que contamos con 2 megapíxeles máis de información de imaxe e, por tanto, cunha marxe máis sobrada para a ampliación.

O máis recomendable é gardar o máster en TIFF ou PSD e obter del copias doutros tamaños. Lembremos que estamos a falar de arquivos moi grandes: 8 megapíxeles son moita foto para as necesidades da maioría. Probablemente, os máis dos usuarios disparen habitualmente a tamaños menores, reservando a capacidade máxima do sensor para tomas concretas nas que se busca moito detalle.

Tamén é certo que as interesantísimas vantaxes do formato RAW obrigan a facer tomas a tamaño completo, pero mesmo neste caso podemos establecer un tamaño habitual de máster máis pequeno, de 20 x 15 centímetros, por exemplo. Cando queiramos facer unha ampliación grande dunha foto, traballaremos a partir da toma orixinal, e non do axuste.

 

PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►