PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►

RESOLUCIÓN: A MEDIDA DA IMAXE DIXITAL

Cando nos decidimos a dar o paso de película química a dixital enfrentámonos a un novo xeito de facer fotografía. Quizás non ao disparar, pero sí en todo o que virá a continuación. A imaxe dixital é moi versátil e acabará por darnos moitas satisfaccións, en canto asimilemos un par de conceptos que nos poden liar ao principio. Un deles é a resolución, un parámetro máis sinxelo do que o uso indiscriminado desta verba máxica fai pensar.

Nun senso amplo, resolución refírese á capacidade dunha tecnoloxía ou dun mecanismo para reflectir os detalles dunha imaxe.

O xeito de traducir unha fotografía en bits para podela manexar como arquivo informático é dividila segundo unha malla de filas e colunas. As unidades resultantes chámanse píxeles, son todos do mesmo tamaño e representan áreas cadradas da imaxe orixinal.

Cada unidade debe ser unha zona homoxénea, para anotar só a súa cor.

Se dividimos a imaxe en poucos píxeles, poderemos codificala con pouca información, pero seguramente perderemos moito detalle, polo que decimos ten pouca resolución. Se a dividimos en moitas máis partes, estas chegarán a ser tan pequenas que non as distinguiremos, a visión da imaxe será moito mellor e máis detallada, pero tamén moito máis costosa en bits. Un aspecto importante é que, salvo limitacións na tecnoloxía que utilicemos, o tamaño e frecuencia dos píxeles sempre é ao noso criterio.

Os frecuentes equívocos no uso do termo resolución resólvense distinguindo na imaxe tres tipos de tamaño: en píxeles, informático e superficial.

Tamaño en píxeles
Obviamente, indica en cántas filas e colunas se divide a imaxe, ou ben cál é o número total de píxeles. Por exemplo, decimos que unha foto ten 1600 x 1200 píxeles. Tamén podemos dicer que ten 1920000 píxeles, ou redondear dicindo que é unha foto de 2 megapíxeles. Redondéase tanto que non se ten en conta que estamos en sistema binario, onde kilo non significa 1.000 senón 1.024 (10ª potencia de 2) e mega non significa 1.000.000, senón 1.048.576)

Das dimensións en píxeles depende o detalle da imaxe: aquí vemos a mesma foto dividida en 4x4 píxeles, en 12x12, en 30x30 e en 150x150.

Tamaño informático
Cónntase en unidades de información como bytes, kilobytes ou megabytes, e depende directamente de dúas cousas: do número de píxeles e da cantidade de bytes que gastamos para definir cada píxel. A profundidade de bits permite diferenciar e aplicar un número máis ou menos grande de cores. As máis das cámaras dixitais utilizan a profundidade de 24 bits do modo RGB, polo que cada píxel anótase con 3 bytes. Calcúlase rápidamente que cada megapíxel ocupará en memoria 3 megabytes (algo menos, porque a máquina non redondea coma nós). Nas tarxetas de memoria pode ocupar moito menos, porque os datos gárdanse comprimidos.

Tamaño superficial ou de saída
É o que ocupará a foto se a imprimimos. Os píxeles son realmente información numérica, así que este tamaño decidímolo nós, indicando cántos píxeles queremos imprimir en cada centímetro ou polegada de papel. Todo sería moito máis sinxelo se reservásemos o termo "resolución" para expresar esta relación: Número de píxeles por unidade de medida liñal. Podemos cambiala sen modificar en absoluto a información de imaxe, simplemente indicando menos resolución (menos píxeles por polegada) imprimiremos a foto máis grande, e indicando máis resolución imprimirémola en menos papel porque os píxeles serán máis pequenos e concentrados

A resolución é inversa ao tamaño superficial. A mesma imaxe
de 40 x 40 píxeles que ocupa catro polegadas cadradas cando
se imprime a 20ppp, a 40ppp. ocupará unha polegada cadrada,
e a 120ppp. cubrirá a novena parte de polegada cadrada.

A resolución así entendida poderíamola decidir no intre de imprimir. Pero para a cámara é obrigado ao gravar un formato de arquivo como JPG ou TIF, que o número de píxeles por polegada figure como dato, por iso asigna unha resolución por defecto, habitualmente 72, 180 ó 300 ppp. Non ten importancia, é un dato que podemos modificar sen estragar nada.

Controlar a resolución ao imprimir
Comprender a resolución serve para predecir o resultado na impresión. En xeral queremos evitar que os píxeles sexan tan grandes que resulten evidentes. A unha distancia normal de 40-50 cm. distinguimos claramente a fronteira entre un píxel e o seguinte se a resolución é de 150 ppp ou menor. Aumentando a resolución serán máis pequenos, pero seguiremos notando a estructura de filas e colunas até uns 180 ppp. Por enriba desta resolución xa non notaremos escalóns, aínda que seguiremos percibindo melloras na riqueza da cor e na suavidade dos degradados até uns 220 ppp. Por enriba deste nivel é moi difícil estar seguro de notar ningún cambio, polo que podemos consideralo o umbral de seguridade para unha impresión fotográfica.

Xa que logo, a referencia habitual de 300 ppp supón unha ampla marxe que podemos permitirnos cando non hai problemas de espacio informático, pero sabendo que con 240 ppp estamos nun nivel que non desmerece a impresión en papel fotográfico, e que en documentos con papel corrente cúmprese dignamente mesmo con resolucións de 200 ppp.

 

PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►