Páxina de recursos  

A Proporción Áurea

Parte III . A Proporción Áurea en Fotografía

A calidade dunha fotografía non depende de utilizar ou non utilizar un esquema compositivo, pero unha estructura adecuada pode axudar eficazmente a transmitir de xeito claro a sensación que pretendemos. Entre os aspectos formais, o manexo da proporción está moi relacionado co encadre, e menos directamente con outros como a perspectiva. Hai que recordar que outros factores dos que hoxe non falamos son máis importantes na interpretación da imaxe: a luz, a cor e o contraste, que son aspectos tonais, e sobre todo os narrativos: o tema, as figuras, a súas actitudes e relacións.

Xa vimos cómo as súas propiedades xeométricas fan da razón áurea algo ben máis interesante que unha división sinxela. Con ela podemos establecer unha asimetría onde as partes seguen a compartir un carácter común, o dunha progresión xeométrica. Calquera entende que no intre da toma un non pode poñerse a facer cálculos xeométricos -si que se fan para axustar o encadre despóis- nin é a maneira natural de facelo. Moita xente calcula fácilmente os tercios do encadre dende o visor. Resulta doado porque estamos afeitos a ver cousas divididas en partes iguais. Se pretendemos aplicar proporcións dinámicas, como a razón áurea, o que hai que facer é pensar nela, buscala en imaxes xa feitas e experimentala nos reencadres, e sen percatarnos iremos familiarizándonos con ela e chegaremos a recoñecela a simple vista.

Buscando exemplos podemos descubrila en imaxes de grandes fotografos nos que a composición é un aspecto substancial. O mesmo que na pintura, aparece unhas veces dividindo o espacio e outras situando elementos principais. A relación áurea entre os elementos da escea e a antropometría non ten aquí interese, pois nos máis dos xéneros fotográficos é fortuíta. Salvo en fotografía de estudio un fotógrafo non "sitúa" os elementos, aínda que se pode facer moito sabendo "situarse" un mesmo.

Imos ver algúns exemplos nos que o fotógrafo, conscentemente ou non, "lévase ben" coa razón áurea:

Cómo non, tratándose de composición, Cartier-Bresson:

Mesmo en fotógrafos como Man Ray, que usan encadres moi pechados sobre unha única figura, co que a partición do espacio cáseque non ten relevancia, atopamos algúns exemplos, como o retrato de Marcel Duchamp (pintor que lideraba un grupo dentro do Cubismo chamado "Sección áurea"), ou esta outra foto de Lee Miller:

Máis actual, é este espectacular Swiftcurrent Lake, de Bruce Barnbaum:

Ou algunha das exquisitas composicións de Dan Burkholder, como estes botes do Nepal:

Nótese que todas son composicións snxelas e de moito impacto visual. Vemos como a división áurea do formato pode ou ben definir as zonas da imaxe, ou ben crear puntos fortes, adecuados para ubicar os centros de interés.

O esquema máis sinxelo de división áurea son catro liñas divisorias: dúas verticais e dúas horizontais, cada unha divide o ancho ou o alto comezando por un extremo ou polo outro. Trazandoas todas, cada magnitude divídese en tres zonas. Unha zona lateral é sección áurea do resto, e a zona central é sección áurea de calquera das laterais.

Outra división áurea que aparece con facilidade é a que chamamos Raíz de cinco. A relación é a inversa: cada zona lateral é sección áurea da zona central. O ancho ou o alto totais valen Raíz de cinco en relación a esta zona central. Esta partición é ideal cando queremos despexar o centro da foto:

É un esquema co que me gusta experimentar, mesmo cheguei a imprimilo en adhesivo transparente (o das carátulas para CDs) para pegalo no visor lcd dunha compacta dixital: