Páxina de recursos
Versión orixinal publicada en quesabesde.com © >>

CONTROLAR OS RETOQUES CON MODOS DE FUSIÓN

Aínda que asociamos fácilmente os modos de fusión con filtros e efectos especiais de imaxe, estes amosan tamén unha asombrosa utilidade como mecanismos de control á hora de facer axustes e retoques comúns. Xa sexa ao actuar sobre a luminosidade con ferramentas como Niveis ou Curvas, arranxar desperfectos co tampón, colorear a pincel ou aplicar filtros de iluminación ou enfoque, un modo de fusión adecuado pode facer que o efecto se limite ao que pretendemos

A maioría dos modos de fusión actúan sobre a luminosidade dos píxeles. Xa temos visto como é posible comparalos con diferentes trazados de curva e prever, por tanto, como se van comportar.

Sabemos tamén que, entre os máis empregados, algúns aumentan sempre a luminosidade e outros fan o inverso: escurecen. Diríamos que son unidireccionais, a diferencia doutro grupo de modos que son bidireccionais e actúan, por dicilo dalgún xeito, dende o gris medio cara os extremos da escala.

Clonar cos modos Acrarar e Escurecer
As correccións con tampón poden beneficiarse dos modos cando se trata de manchas visiblemente craras ou escuras, como as que se ven nas zonas A e B da primeira figura da seguinte serie de imaxes.

Se clonamos sobre ambos os dous puntos cun pincel brando en modo normal unha mostra tomada en C, veremos a pegada do pincel (imaxe do centro), xa que hai un suave degradado e a mostra non tiña exactamente a luminosidade requerida.

Pola contra, clonando sobre a zona A en modo Escurecer e sobre a zona B en modo Acrarar (imaxe inferior), o tampón somente actúa sobre as manchas, e mesmo é unha vantaxe a leve diferencia de luminosidade respeito da mostra C, que así non cobre os arredores das manchas e conserva máis información orixinal.

Enfoque con transición a Escurecer
A máscara de enfoque é un xeito rápido para reforzar o contraste local, pero produce rebordos nas beiras das siluetas. Na imaxe central do seguinte grupo aplicouse a máscara, e se nos fixamos, os rebordos molestan na zona crara.

Se empregamos a transición ao modo Escurecer inmediatamente despois de aplicar a máscara (imaxe inferior), o seu efecto será moito menos molesto.

Sobreexpoñer e Subexpoñer co pincel de historia
O pincel de Historia pode pintar cun paso anterior do proceso, mais tamén coa imaxe tal como está, modificándoa mediante un modo de fusión. A diferencia entre a seguinte imaxe da dereita coa orixinal, á esquerda, son unhas poucas pinceladas, aplicadas nos modos Sobreexpoñer e Subexpoñer, que acraran e escurecen aumentando o contraste.

Dar viveza a unha mirada
O que segue é outro efecto parello, que se fai comúnmente co pincel en modo Sobreexpoñer. Aquí pintámos cun gris escuro (75%), un par de pasadas dentro dos ollos cunha opacidade do 40%.

A alternativa ás capas de axuste
Unhas cantas das funcións que realizan as capas de axuste poden facerse tamén naqueles programas que aínda non dispoñen delas, mediante capas superpostas con algún modo de fusión.

Temos visto no artigo anterior como moitos modos se corresponden con axustes específicos de Curvas. Trátase de saber cal é o modo adecuado ao que queremos.

Das seguintes fotografías, a da esquerda está subexposta. O seu histograma revela que nengún píxel chega aos valores máis altos, e por tanto viríalle ben un recorte do branco de entrada que a contrastase.

Con PhotoPaint, superpuxémoslle un obxecto ou capa (imaxe da dereita) cheo de gris escuro (75%) e puxémolo en modo Dividir. Con outro programa: Gimp, faríamos o mesmo co modo Branquear, e en Photoshop poderíamos empregar o modo Sobreexpoñer.

Deste xeito, podemos xogar con vantaxes semellantes ás que ofrece unha capa de axuste: os datos permanecen inalterados na capa inferior e podemos modificar o efecto en calquera momento cambiando o valor de gris da capa, variando a sua opacidade, ou ben asociándolle unha máscara de visibilidade.

Páxina principal Contacto Perfil artístico e profesional Enlaces favoritos