PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►


DESTRIPANDO O HISTOGRAMA

Comezamos a entender realmente os programas de retoque dixital cando somos quen de interpretar correctamente duas cousas: os controles de tamaño e resolución, por unha banda, e o histograma, pola outra. O histograma é un instrumento de medida que axuda ao ollo, sempre subxectivo e acomodable, a facer un diagnóstico da imaxe e valorar as súas posibilidades de mellora, decidindo os azustes tonais precisos.

Un gráfico estatístico
Como se dun gráfico de colunas se tratase, o histograma amosa unha serie de 256 liñas verticais aliñadas no seu extremo inferior, representativas da cantidade de píxeles que hai nunha imaxe por cada valor de luminosidade. No extremo esquerdo está o valor 0 (negro) e no dereito o 255 (branco), como indica a barra de degradado que normalmente o acompaña.

O seu ancho adoita adaptarse a 256 píxeles na pantalla. A sua altura máxima varía cos programas, pero é fixa e faise corresponder ao grupo de píxeles máis numeroso, axustando o resto das columnas proporcionalmente.

d
Gráfico principal na paleta Histograma de Photoshop

Información numérica
Tanto o gráfico como as cifras poden referirse á luminosidade media da imaxe en conxunto, a unha das canles de cor, á saturación, etc. En Photoshop, os datos numéricos aparecen en duas colunas: na primeira, datos da imaxe no seu conxunto, e na da dereita, información específica sobre o nivel que sinale o cursor sobre o gráfico. PhotoPaint presenta datos semellantes, aínda que distintamente organizados.

d
Datos correspondentes ao gráfico anterior en Photoshop

d
Datos correspondentes ao gráfico anterior en PhotoPaint

Imos ver qué indica cada un dos parámetros que aparecen nestes paneis:
- Píxeles: informa sobre o número total de píxeles da imaxe (1.381.386).
- Promedio / Media: é o valor medio de luminosidade de todos os píxeles.
- Mediana: se colocásemos todos os píxeles da imaxe en ringleira e ordenados pola luminosidade, a mediana sería o valor do píxel no punto medio da fila. Por exemplo: entre os valores 5, 6 e 10, o promedio sería 7 (21 entre 3), pero a mediana sería o valor 6. Más aínda, non se trata do valor central, senón do valor do píxel central. Nun conxunto de valores 2, 3, 5, 5, 5, a mediana non sería 3, senón 5.
- Desviación estándar ou típica: é a media das diferencias de todos os píxeles sobre o promedio. Súmanse todas as diferencias elevadas ao cadrado (para que conte o mesmo a desviación positiva que a negativa) calculando despois a raíz cadrada da media. É un indicativo de se a imaxe está pouco ou moi contrastada. É raro ver en imaxes normais valores inferiores a 40 (contraste significativamente baixo) ou maiores de 90.
- Nivel: é o valor do grupo de píxeles sobre o que está o cursor.
- Cantidade / Píxeles: refírese ao número de píxeles que teñen o valor de luz indicado.
- Percentil: porcentaxe do total de píxeles que hai entre o valor 0 e o sinalado, ambos os dous incluidos. Nótese que, na imaxe, o cursor foi situouse buscando o percentil 50, o que permite saber que a metade da foto -neste caso- está entre os valores 0 e 104.

Lectura parcial
Podemos consultar o histograma dunha zona determinada da imaxe, se previamente a seleccionamos. Tamén podemos facer a lectura de datos nun rango específico da escala de valores, mentras arrastramos o cursor entre dous valores sobre o gráfico:

d
Arrastre e datos parciais en Photoshop

En Photoshop, os datos da primeira coluna non cambian, pero si o Nivel, a Cantidade e o Percentil, que corresponden ao intervalo (no exemplo, 101-140).

d
Arrastre e datos parciais en PhotoPaint

En PhotoPaint, pola contra, o intervalo indícase nas casiñas Inicio e Fin. Sinálase a porcentaxe e a cantidade parcial na casiña Píxeles. Os datos individuais refírense ao nivel concreto no que comezou o arrastre do cursor.
Outros datos: A sección Corte, en PhotoPaint, permite recortar a altura asignada aos grupos de píxeles máis numerosos cando destacan en exceso, para visualizar mellor o resto do histograma.

En Photoshop aparece o indicador Nivel de caché. Está relacionado coa posibilidade de simultanear a previsualización do histograma (agora que ten unha paleta propia) á previsualización dos cambios na imaxe cando estamos regulando parámetros nun filtro ou ferramenta de axuste tonal.

d
Previsualización de cambios no histograma

O nivel máximo de caché asígnase nas preferencias do programa. A previsualización dos filtros usa moita memoria, polo que o programa pode facer na memoria caché unha copia virtual da foto, redimensionada a un menor tamaño, para poder calcular e ofrecer a previsualización do histograma máis rápidamente. Cun nivel 2 de caché, cada píxel da copia son 2 x 2 no orixinal. Cantos máis niveis permitamos, máis lixeira será a previsualización, pero tamén menos fiable. Se nun momento dado queremos que se calcule sobre o orixinal, pulsamos o triángulo de aviso que o programa amosa cando recorre a un nivel de caché maior de 1. Consecuentemente, pode interesar permitir niveis de caché altos (ata 8) se imos axustar imaxes de moitos megabytes e non é precisa unha previsualización moi exacta, para axilizar deste xeito o traballo do programa.

O resto dos programas presentan os datos básicos, combinados con outros máis característicos. É o caso de Paint Shop Pro, que visualiza os histogramas de canles, luminosidade, tono e saturación como liñas de cores. Podemos marcar as que queremos ver e indicar na persiana Amosar-ocultar de cál queremos datos numéricos. Intervalo indica a cantidade e a porcentaxe do nivel indicado polo cursor.

d
Histograma en Paint Shop Pro

Tamén existe a opción de visualizar combinadas as canles de cor RGB. O histograma do plug-in Camera Raw de Photoshop, por exemplo, responde en tempo real aos reguladores de balance de cor, contraste, exposición, sombras… e resulta unha axuda visual utilísima para entender a maneira na que influirán no resultado.

d
Histogramas combinados en Camera Raw

Tipificación a simple vista
Imos ver agora cómo a silueta do histograma descrebe a relación de luces dunha imaxe. Se os píxeles están amontonados cara a esquerda, significa que predominan os tonos escuros. Ou ben a foto está subexposta e precisa máis luz, ou ben estamos ante o que os pintores chamaban tradicionalmente imaxe de clave baixa. Aquí é onde entra o ollo a decidir, porque a unha foto nocturna non se lle pode pedir senón que sexa escura.

d
d
Histograma de imaxe de clave baixa
Histograma de imaxe de clave alta

Se os máis dos píxeles están á dereita, predominan as tonalidades craras. Ou a foto está sobreexposta e precisa un axuste, ou ben é unha imaxe de clave alta, como a típica dun oso polar nunha paisaxe nevada.

d
d
Fotografía pouco contrastada
Falta de tonos extremos no histograma

Se os píxeles se amorean na parte central e desaparecen dos extremos, significa que hai pouco contraste. Se pola contra se xuntan nas beiras deixando algunha zona central case deserta, ben seguro hai un exceso de contraste.

d
d
Fotografía moi contrastada
Falta de tonos medios no histograma

 

PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►