PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►


FLEXIBILIDADE PARA RETOCAR

Transición, Pincel de Historia ou Capas de axuste. Trátase de tres recursos dos máis funcionais dos programas de retoque. Aínda que pode parecer que estiveron aí toda a vida, o certo é que nos comezos do tratamiento dixital de imaxes as posibilidades non eran moito máis que un feixe de funcións coas que se podía cambiar a posición ou a cor dos píxeles. Cada un destes recursos, hoxe tan familiares, supuxo no seu momento un sorprendente avance.

Ao longo do tempo o traballo case artesanal dos retocadores ten axudado a multiplicar a funcionalidade dos programas, demandando a incorporación ao repertorio disponible de novas ferramentas e comandos para dar conta das situacións e problemas que ían aparecendo.

As técnicas que marcan a diferencia entre os bos programas e o resto son aquelas nas que o programador tivo a habilidade de extrapolar situacións e levar solucións duns ámbitos a outros.

Son bos exemplos ter aproveitado o xeito de gardar unha selección como canle para ofrecer a posibilidade de tratar con filtros o seu contorno; ter creado as capas para aproveitar as vantaxes do traballo con obxectos, ou aplicar a descrición vectorial aos trazados de recorte.

Hoxe comentaremos tres ferramentas que destacan pola flexibilidade que proporcionan no traballo: o comando Transición, o Pincel de Historia e as Capas de axuste.

Transición: nin para ti, nin para min
En efecto, usar en Photoshop a opción Transición (en PhotoPaint, Regular último comando) é como regatear o resultado dun axuste cando este nos parece excesivo. Como veremos, baséase no xeito de anotar os datos en memoria e nas técnicas de fusión de capas.

f
Función Regular último comando, en Corel PhotoPaint. Matízase o resultado cun valor de porcentaxe e, opcionalmente, un modo de fusión.

Cada vez que executamos unha operación na imaxe, créase unha copia modificada na memoria, sen borrar o estado anterior.
Tradicionalmente, coa seguinte operación, o programa sobrescribía a penúltima copia, co que sempre había duas versións completas da imaxe na memoria RAM. Isto permitía retroceder en calquera intre un paso coa combinación de teclas Ctrl+Z, pero os anteriores estaban borrados. Para voltar máis atrás, polo tanto, era preciso comezar de novo, recuperando o orixinal do disco duro.

Agora, os ordenadores van relativamente sobrados de memoria e podemos desfacer moitos máis pasos, o que obriga ao programa a conservalos, pudendo xestionalos con recursos como a paleta Historia. O que sí quedou como característica dos programas de retoque, é o uso de Ctrl+Z como conmutador que alterna sempre os dous últimos pasos, e que tan cómodo resulta para facer un rápido "antes e despois" e valorar o que acabamos de facer.

Pois ben, sempre que a última operación afecte só ao valor dos píxeles, isto é, con calquera axuste tonal e cos máis dos filtros, os dous últimos estadios que se conmutan con Ctrl+Z poden combinarse igual que se se tratase de duas capas superpostas. Isto é exactamente o que fai o comando Transición, coa posibilidade engadida de poder matizar o axuste cun modo de fusión.

Así enténdese, ademáis, que Transición só se poida empregar inmediatamente despois de facer un asuste ou filtro, ou inmediatamente despois de desfacelo.

f
f
f
f
Ao aplicar esta posterización estráganse as cores. Con Transición, ademáis de amortiguar o efecto cunha porcentaxe, protéxense os tons cambiando ao modo Luminosidade.

Pincel de Historia: navegar no tempo
Esta ferramenta de Photoshop parece ter nacido tamén dun extraño matrimonio: o do tampón de clonar coa paleta Historia. Se co tampón podíamos pintar non cunha cor concreta, senón con información doutra zona da imaxe, outra capa ou mesmo outra imaxe, agora podemos facelo dende outro paso ou instantánea da paleta Historia, como quen trae algo do pasado ou do futuro.

Á posibilidade de recuperar parcialmente un instante anterior do proceso, o pincel de Historia engade as vantaxes de poder configurar o tipo de pincel, o grao de dureza, opacidade, fluxo e mesmo o modo de fusión con que se aplica. Por outra banda, introduciu unha das ideas máis celebradas polos profesionais do retoque: a de "traballar cara atrás" ou "pintar dende o futuro".

Esta técnica está detrás de moitos dos impresionantes retoques que se fan en fotografía de glamour, especialmente no traballo de suavizar texturas e imperfeccións da pel, ao tempo que se realzan outros riscos.

Nestes casos, poden precisarse dous ou máis axustes diferentes segundo as zonas a trazar. Un exemplo sinxelo sería aplicar filtros de desenfoque e destramado para suavizar a pel ata que toda textura molesta desapareza, aínda que os ollos, o pelo e outros detalles se vexan completamente estragados. Gárdase unha instantánea e retrocédese á orixe. Faise daquela unha máscara de enfoque que realce os riscos expresivos sen medo de esaxerar un pouco, aínda que a pel pareza un mapamundi. Gárdase outra instantánea e vólvese atrás.

f
Na parte superior da paleta Historia permanecen a imaxe de partida, unha versión difuminada e outra enfocada. O pincel de Historia pode pintar dende calquera das tres.

Finalmente, co pincel de Historia píntanse manualmente as diferentes zonas, tomando información dunha ou doutra instantánea. Axuda moito facelo coun pincel semibrando. Como sempre, aconsello fuxir das durezas 100 ou 0, predefinidas en Photoshop, e usar neste caso durezas entre o 40 e o 50%, como co tampón.

Tamén é moi conveniente baixar a opacidade do pincel -ao 20%, por exemplo-, co que podemos insistir máis nunhas zonas que noutras, ata acadar en cada unha o nivel adecuado de realce ou de suavizado.

Traballar con opacidades baixas pode marcar as diferencias entre un retoque no seu punto e outro excesivo que convirta unha cara en insufrible porcelana.

Capas de axuste
Cando unha imaxe ten capas, hai en certos lugares dous ou máis píxeles que ocupan a mesma posición. Un píxel opaco oculta -pero non elimina- o píxel que ten debaixo.

Como víamos nun artigo anterior, ao existir valores diferentes poden xerarse diversos resultados segundo cálculos matemáticos entre eles. Daí nacen os modos de fusión, e moitas veces unha capa ten como única función influir sobre a capa subxacente sen alterar a sua información.

A intención de protexer os datos orixinais e saber que o antes e o despois dun axuste tonal poden ser tratados como duas capas levou a inventar as capas de axuste. Éstas anotan os cálculos e modificacións que transforman o que había no que vemos, conservando os datos de partida intactos.

A capa de axuste é certamente a visualización dos cálculos, de tal xeito que se editamos a imaxe na sua capa base, o axuste superposto adáptase automáticamente aos novos píxeles. Nisto aseméllase ben aos efectos de capa -sombras, biselados-, que unha vez definidos axústanse sós a calquera modificación na capa.

Reservando para outro artigo unha descrición dos tipos de capas de axuste, o seu manexo e aplicacións prácticas, fagamos agora unha breve exposición do que poden aportar ao traballo con imaxes.

En Photoshop, teremos as capas de axuste disponibles para os comandos de recheo -tanto de cor sólida como de degradado ou motivo- e para os máis dos axustes tonais. En PhotoPaint, onde se denominan obxectos lente, aplícanse con axustes tonais ou cos filtros máis comúns.

A máscara de capa que obrigatoriamente levan asociada permítelles beneficiarse das características das capas: a opacidade, os modos de fusión, os efectos de capa e -de moi especialmente- o control da visibilidade. De feito, se queremos desprazar unha capa de axuste, só moveremos a sua máscara de capa.

Pintando na máscara de capa decidimos en qué proporción se aplica o axuste a diferentes zonas. Tamén se pode controlar se a capa de axuste afecta a uhna ou a todas as capas de imaxe inferiores.

En principio, se non hai unha selección activa cando creamos a capa, influirá en todas as visibles que estean por debaixo. Se hai un trazado ou unha selección activa, definirá automáticamente a máscara para a capa de axuste.

Se queremos asociala en Photoshop a unha capa concreta, o máis doado é creala xusto enriba e agrupala con ésta mediante o comando Ctrl+G, antes chamado Agrupar e agora, nas versións CS, Crear trazado de recorte.

Nunha situación máis rebuscada, se queremos que afecte a dous obxectos ou capas concretas e non ao resto, pode encher a máscara de capa de negro. Logo selecciónase o contido de cada capa premendo sobre o seu nome na paleta Capas, e coa tecla Control presionada, púlsase logo na miniatura da máscara da capa de axuste e énchese a selección con branco.

Os parámetros da capa de axuste poden modificarse en calquera punto, pulsando duas veces na sua miniatura ou no menú Capa>Opcións de contido. Tamén se puede transformar noutro tipo de axuste mediante o menú Capa>Cambiar contido de capa.

f
f
Pintando de branco na máscara, activamos os axustes onde queremos. O símbolo sinalado crea novas capas de axuste.

Aínda que normalmente nos interesará conservar as capas de axuste independentes, é posible realizar certas combinacións entre elas.

Puden comprobar que Photoshop permite combinar entre si capas de axuste tonal, e tamén capas de recheo. Sen embargo, aínda que se poden combinar capas de ambos os dous tipos, o resultado descarta as de axuste, limitándose a combinar os recheos. Unha capa de recheo pode rasterizarse individualmente. Calquera destas combinacións significa perder o estatus de capa de axuste, pasando a ser unha capa normal.

Máis sentido pode ter agrupar unha capa de axuste con outra capa de axuste que está debaixo. Lógrase así que a máscara da capa inferior actúe tamén sobre a capa superior, en combinación coa sua propia máscara.

Por último, se combinamos unha ou máis capas de axuste de calquera caste coa capa ou grupo de capas ás que afectan, os efectos fixaranse definitivamente, transformándose nunha capa normal.

 

PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►