Páxina de recursos

ir a Versión en castellano >>

 

MELLORAR O ENFOQUE


A preocupación polo enfoque das fotos é unha gripe típica do usuario avanzado, en especial despois de decidirse a mercar unha cámara dixital cara. Esperamos ver a calidade dos medios en fotos más nítidas, pero estas melloras non veñen axiña porque o control sobre a nitidez non é algo intuitivo nin inmediato. Hai que chegar a el por medio da práctica diaria.

A nitidez é a boa discriminación visual das formas e os detalles. Moitas cousas influen nela: factores externos como a cantidade e calidade da luz, a xeometría dos obxectos, a distancia e a cor; factores internos debidos ao funcionamiento do noso sistema visual, e factores tecnolóxicos como a pureza e xeometría dos lentes dun obxectivo, o diafragma, a película ou o sensor e -xa que logo- os filtros interpostos ou o procesamento automático do sinal.

Neste artigo obviaremos temas que non dependen do usuario, como a calibración de cámaras e obxectivos, e mencionaremos só a importancia de tomar aquelas decisións que aproveiten as posibilidades do noso equipo. Referímonos a aspectos como a velocidade, o diafragma, o uso do trípode, cálculos sobre a profundidade de campo, a distancia hiperfocal… Sen prescindir de detalles íntimamente relacionados coa fotografía dixital: a non aplicación dos preaxustes altos ou a captura en RAW, opcións que nos permiten un maior control no postproceso.

Contraste local versus contraste global
Centrémonos na mellora dixital do enfoque, lembrando que o mellor retoque é unha boa toma e que o enfoque non é necesariamente un parámetro de calidade da imaxe. A nitidez local, que se manifesta na medida en que distinguimos con craridade os contornos, en especial a fronteira figura-fondo, e a presencia de detalles pequenos, non sempre favorece o contraste zonal preciso para unha boa visión do volume e a profundidade a nivel global.

Isto tíñano moi craro os fotógrafos pictorialistas, que utilizaban tanto técnicas de enfoque como de suavizado para que o contraste nas siluetas non distraese a visión de conxunto.

Ademáis de filtros e vaselinas, a famosa técnica da máscara de enfoque consistía -nunha das suas variantes- en desenfocar lixeramente o negativo durante unha pequena parte do tempo de exposición. Facíase naquelas tomas que se consideraban excesivamente detalladas, coa intención de reforzar máis o contraste zonal.

No retoque dixital a máscara de enfoque busca tamén controlar en qué medida o contraste debe aumentar en toda a imaxe ou somente nas siluetas. Trátase dun filtrado sofisticado que combina algoritmos de detección de bordos cun tamaño de máscara axustable, pero tamén moi potente, polo que é importante non pasarse moito do axuste óptimo.

Parámetros da máscara de enfoque
Na sua versión común, tal como se presenta en Photoshop, a máscara de enfoque manéxase con tres reguladores: cantidade, radio e umbral. O que fai a máscara é aumentar o contraste en zonas fronteirizas, é dicir, escurece as sombras e acarara as luces na medida en que haxa píxeles próximos de signo contrario.

Cantidade regula o alcance da variación nos valores tonais. Radio establece o tamaño da máscara de convolución, é dicir, ata qué distancia se comparan os valores. Umbral, por último, fixa a diferencia mínima para considerar un píxel próximo diferente do píxel de referencia.

Deducir isto é sinxelo. O complicado é decidir a combinación óptima en cada situación. O regulador de umbral é crucial para "localizar" o contraste engadido, e vai en sentido oposto aos outros dous.

Un umbral equivalente a 0 aplica o filtro a toda a imaxe, mentras que un umbral alto limita a acción aos bordos. O valor Cantidade afecta á amplitude tonal do cambio, mentras que Radio afecta á espacial, ao ancho da franxa acentuada arredor dos bordos, e pode causar halos molestos. O axuste fino do filtro implica baixar a cantidade cando se sube o radio, e viceversa.

Para os que prefiren a rapidez á flexibilidade, existen outros filtros de enfoque que realmente son axustes preestablecidos da mesma ferramenta. Nas miñas probas, aínda que non foron exhaustivas, averiguei que o comando Enfocar de Photoshop equivale aproximadamente a unha máscara de enfoque con valores 120-0,5-0. Enfocar máis, por outra banda, da un resultado semellante aos valores 360-0,5-2, e Enfocar bordos a 140-0,5-7 (nótese o umbral alto deste último).

Tamén constatei unha conclusión lóxica, dadas as variables que influen nos cálculos: a máscara de enfoque compórtase mellor canto máis marxe e datos teña para operar. Por este motivo, recomendo aplicala sempre en 16 bits e previamente a calquera remostraxe que vaia reducir drásticamente o número de píxeles.

Estratexias
Imos dar unhas referencias máis concretas de uso. Hai moitas opinións e receitas particulares, así que tratei de seleccionar uns poucos exemplos o suficientemente diferentes e representativos das opcións que se adoitan recomendar.

Partimos dun orixinal típico que non presenta problemas graves pero pide a berros un pouco máis de definición. No intento A, aplicouse a máscara de enfoque cuns valores que, por tanteo, semellaban apropiados: cantidade 200, radio 0,7 e umbral 2.

Imaxe orixinal, con formas ben definidas pero bordos moi suaves.
A. Máscara de enfoque valores 200-0,7-2.

Os inconvenientes típicos que apresenta este filtro son: alteración da cor, bordos excesivamente marcados, halos, aumento do ruido e aplanamento dos volumes. A alteración da cor soluciónase convertindo a modo LAB e enfocando a canle L, ou ben en RGB, cunha transición inmediata ao modo Luminosidade.
Como alternativa á máscara, un coñecido divulgador de técnicas de Photoshop recomenda inverter unha capa duplicada e aplicarlle o filtro Paso alto con radio 10, axustando a opacidade. É o que se fixo no exemplo B, pero tende a dar siluetas menos definidas e aplana os volumes.

En C temos unha solución rápida para evitar os halos. Como son moito máis molestos nas zonas craras arredor de detalles escuros, aplícase a máscara e a continuación unha transición a modo Escurecer ou a Multiplicar. Elimina os halos brancos, produce bos silueteados, volumes e profundidade, pero escurece globalmente a imaxe, o que nalgúns casos pode ser un inconveniente.

No exemplo C, a máscara aplicouse con valores 300-0,7-5, realizando despois unha transición a modo Multiplicar con porcentaxe do 75%. Logo tratouse de compensar o escurecemento axustando os tonos medios coa ferramenta Niveis (gamma 1,20).

B. Enfoque co filtro Paso alto.
C. Enfoque con transición a modo Multiplicar e compensada con Niveis.

Outras estratexias máis avanzadas ilústranse a continuación. A opción D é a miña predilecta: unha versión simplificada dunha acción que atopei na rede e da que lamentablemente descoñezo o autor.
Consiste en facer unha máscara de luminancia: pásase a foto ao modo LAB, cópiase o contido da canle L e pégase nunha canle nova. Logo invírtese esta última e coa ferramenta Niveis recórtase o negro de saída ao valor 20. Despois cárgase como selección e aplícase a máscara de enfoque con valores 500-0,7-5.

A técnica D actúa moito máis nas sombras que nas luces, así que non produce halos. A nitidez e o reforzo das formas, por outra banda, son do mellor. O único pero é que resulta pouco eficaz cando hai ruido.

D. Enfoque sobre selección de luminosidade.
E. Filtro con doble máscara
e valores 200-0,7-2.

O proceso E é máis complexo. Segue os principais pasos dunha acción de Paul Bleicher, aínda que circulan outras semellantes pola rede.
Comezamos reforzando a imaxe co filtro Paso alto, pero o máis importante é crear unha máscara para dous duplicados da capa.

A máscara faise a partir dunha copia da canle roxa realzada (ben replicándoa e fundíndoa en superpoñer ao 50%, ben co mesturador de canles en monocromo 100-0-0%), filtrada con Detectar bordos, invertida, acrarada con niveis e suavemente desenfocada. As duas réplicas do orixinal con esta máscara de visibilidade colócanse unha en modo Escurecer ao 50% e outra en modo Aclarar ao 20%.

O resultado non produce ruido, halos nin alteración da cor. Na definición de formas, nembargantes, o exemplo D resulta moito máis sinxelo e igual de eficaz.