PHOTOSHOP CS3. NOVIDADES, AS SUFICIENTES
A expectación que provoca a chegada de cada nova versión do programa estandarte de Adobe está xustificada. Hoxe ninguén discute que Photoshop leva anos facendo sombra a calquera outro software de retoque fotográfico –aínda que os hai moi completos- e o novo CS3, do que xa saíu á venda a edición anglosaxona, segue reivindicando a súa privilexiada posición.
O primeiro que salta á vista ao acceder ao novo Photoshop CS3 é a disposición das paletas, máis elegante e flexible que nas versións anteriores. Se antes podían minimizarse como barra horizontal, agora redúcense a un simples símbolo, ou ben a unha icona con nome.
As paletas organízanse en grupos, e estes en paneis verticais que se expanden horizontalmente ao premer sobre o seu bordo superior. Se só queremos despregar unha paleta, facémolo premendo sobre o seu símbolo. Manterase así ata que volvamos a pulsar a súa icona ou despreguemos outra diferente.
En calquera intre podemos redistribuir as paletas -mesmo creando máis paneis-, independizalas ou pechalas. A paleta Pinceis é moi ancha, polo que compensa facerlle un panel á parte, e a paleta Animación non pode minimizarse como símbolo, polo que é mellor pechala mentres non se utilice.
Na caixa de ferramentas principal podemos optar agora por axustar os símbolos nunha ou en dúas columnas.
Curvas con histograma
O corazón dun programa de retoque é a súa capacidade de axuste tonal. Neste capítulo, o CS3 presenta un par de novidades.
Por fin, na ferramenta Curvas podemos ver como fondo o histograma, unha boa axuda visual que outros programas sempre ofreceron. Tería sido moi interesante a superposición interactiva do histograma resultante do axuste.
Tamén podemos, opcionalmente, manter visible a posición orixinal da curva, ou ver superpostas as curvas das distintas canles. Aínda que isto, sen razón aparente, só funciona cando operamos na canle composta RGB ou CMYK (no modo Lab, polo tanto, non é posible).
Novo aspecto da ferramenta Curvas
Algúns detalles que o CS3 tamén esgrime como novidades neste terreo son unha casiña para activar sobre a imaxe o aviso de sobreexposición e unha pequena colección de curvas básicas predefinidas, a maiores de certo despilfarro de espazo no tamaño do cadro.
Outro pequeno lote de axustes predefinidos incorpórase ao Mesturador de canles, que segue sen permitir a saída da mestura a unha canle nova. Una posibilidade que si ofrece, por exemplo, o comando Calcular e que sería tan útil para definir máscaras de selección dende o mesturador.
Conversor a monocromo
A nova ferramenta de axuste no CS3 chámase Branco e negro, e permite crear imaxes monocromas e virados. O seu funcionamento resultará familiar a quen teña utilizado o mesmo mesturador de canles ou a función Equilibrio de cor.
Esta nova opción presenta seis reguladores de cor rgbcmy, graduables entre -200% e 300%. Un total de 300 dá un resultado igual de luminoso que o orixinal. Ofrece, ademáis, varias preconfiguracións que simulan filtros de cor, de alto contraste, de densidade neutra ou de infravermellos.
Axuste para un virado a sepia coa
nova ferramenta Branco e negro
Máis funcións a 16 e 32 bits
Nin Curvas nin Branco e negro están dispoñibles en 32 bits, como tampouco o traballo por capas. Iso si, o CS3 inclúe ferramentas que xa funcionaban a 16 bits na versión anterior, como Aplicar imaxe ou Calcular, así como os filtros Máximo e Mínimo.
Esperemos que algún día se incorpore esta profundidade de bits a ferramentas importantes como Curvas, e a filtros como Licuar, Ruido ou Personalizado.
Por desgraza, non se produciron para o traballo a 16 bits avances comparables aos que aportou no seu día a versión 9 de Photoshop.
É certo que todas as ferramentas de axuste -a excepción da prescindible Variacións- funcionaban xa a 16 bits. En canto a filtros, nembargantes, a única incorporación foi a de Nubes e Nubes de diferencia, mentres seguen ausentes outras bastante útiles, como Extraer, Desenfoque suavizado, Creador de motivos, Efectos de iluminación, Distorsionar, Destramar, Mediana, Texturizar, ou a propia Galería de filtros.
Seleccións
O novo compañeiro da vara máxica é o Selector rápido, que se manexa a xeito de pincel e vai engadindo á selección -ou restando, se se pulsa simultáneamente a tecla Alt- partes da imaxe. Ao entrar o pincel nunha zona máis ou menos homoxénea, o contorno da selección avanza ata o seguinte bordo.
Naturalmente, a homoxeneidade e o que podemos chamar bordo non sempre é doado de definir, polo que este selector é moi rápido unhas veces, pero outras resulta bastante ineficaz.
Quizaves máis interesante é o novo comando para perfilar seleccións, chamado Refine Edge na versión en inglés.
Selección feita con Quick Selection Tool, no
proceso de axuste cos controis de Refine Edge
Por unha banda, reúne os comandos clásicos de suavizar (redondear), calar, expandir ou contraer o contorno da selección; por outra, suma unha nova función para que a selección se desvaneza nas zonas próximas ao bordo, pero conservando os detalles que destaquen sobre o fondo.
O desvanecimento regúlase co radio, e os detalles a conservar, co contraste. Chega a ser moi útil -practicando un pouco- para seleccionar formas que se fan moi difíciles con outras ferramentas, como as ramas das árbores ou o pelo.
Más aínda, o reaxuste da selección pode facerse en cinco modos de visualización: contorno intermitente, máscara en branco e negro, máscara rápida, fondo negro e fondo branco. Este comando está no menú Selección, e tamén na barra de opcións con calquera ferramenta de selección.
Orixe de clonación
Interesantísima e novidosa é a posibilidade de previsualizar a lectura do tampón de clonar. Coa opción Amosar superposición, ao tomar a mostra na imaxe e mover o rato podemos ver unha capa semitransparente sobre a imaxe, que nos permite situar ao noso gosto a mostra (mesmo con precisión numérica, se antes de comezar a pintar indicamos o valor do desprazamento na paleta Clone Source).
Previsualización de clonación
Na mesma paleta podemos variar o ancho, alto e ángulo de rotación da clonación. Mágoa que non sexa posible, por exemplo, reflectila horizontalmente. Poden gardarse, ademáis, cinco configuracións destes parámetros.
Máis modos de fusión
Engádense na última sección para imaxes de 24 a 48 bits os modos Cor máis crara e Cor máis escura, que veñen a solucionar un pequeno inconveniente dos clásicos Acrarar e Escurecer.
Estes últimos, ao aplicarse en imaxes monocromas, facían que o píxel máis craro ou o máis escuro dos superpostos fose o único visible. En troques, dado que todos os cálculos de modos de fusión en Photoshop facíanse canle por canle, en imaxes RGB resultaba unha cor diferente ás dúas superpostas. Por exemplo, dous primarios vermello e verde en Acrarar dan amarelo, porque cada un é máis craro nunha canle.
Cor máis crara e Cor máis escura descartan directamente un dos píxeles, amosando sen alterar aquel que teña un valor de luminosidade en código Lab maior ou menor. É de agradecer a súa contribución ao realizar fundidos entre imaxes de tonalidades moi definidas.
Filtros intelixentes
Os obxectos intelixentes, que xa apareceran na versión anterior de Photoshop, tiñan en común cos efectos de capa e as capas de axuste a idea de preservar os datos de imaxe e anotar as modificacións, que só se previsualizan ata que se combinan realmente coas capas de imaxe.
Disposición na paleta Capas do filtro Máscara
de enfoque como filtro intelixente
O mesmo principio aplícase agora aos filtros. Abonda con converter unha capa a obxecto intelixente, e os filtros asociaranse como os efectos de capa, coa súa máscara e coa posibilidade de eliminalos ou modificalos en calquera momento, mantendo íntegros os datos da capa.
Procesamento RAW
O máis destacable na nova versión de Adobe Camera Raw é que traballa con arquivos JPEG e TIFF. Isto tradúcese nunha maior comodidade para quen prefiere prescindir de axustes posteriores e procesar íntegramente as súas fotografías mediante o coñecido plug-in para Photoshop.
Pero hai máis. Para axustar cómodamente os valores máis altos do histograma, o controlador Recuperación amortigua a sobreexposición, e Luz de recheo e Negros acraran ou escurecen a imaxe actuando visiblemente na zona escura, sen apenas intervir na máis luminosa.
Adobe Camera Raw ofrece agora dous xeitos de manexar a curva de axuste tonal: por puntos e paramétricamente. Con esta última, o histograma ven dividido en catro graos: altas luces, craros, escuros e sombras. Cuns reguladores baixo a curva podemos definir en que valor se pasa dunha a outra categoría, e con outros externos acrarar ou escurecer cada zona.
Manexo paramétrico de Curvas en Camera Raw 4
Non vexo craro para que tipo de usuario está pensada esta funcionalidade, porque non resulta nin máis manexable nin máis versátil que a curva por puntos. Seguimos, ademáis, sen poder aplicar curvas canle por canle, privando así ao procesamento RAW de algo tan interesante como a posibilidade de correxir as desviacións de cor numéricamente, mediante mostras.
Sen embargo, ao axuste "manual" da cor amplíanselle os recursos coa completísima ferramenta HSB, que regula de xeito independente o ton, a saturación ou a luminosidade de oito zonas tonais diferentes. Tamén Split Toning, que descoñezo se está pensada para elo, é quen de facer moi fácilmente o mesmo que un mapa de degradado bitonal, a xeito de duotono.
Máis melloras
Outras novidades do CS3 están encamiñadas a facilitar o traballo dos afeizoados ás imaxes de alto rango dinámico por combinación HDR, á fotografía panorámica, a fotografía médica, a astrofotografía, o vídeo dixital…
En efecto, o programa mellora a combinación automática de diferentes imaxes, tanto tonal (HDR) como espacial (panorámicas, mosaicos).
Ademáis, na versión estendida de CS3 engádese a reducción de ruido por superposición de múltiples tomas, a compatibilidade con diversos formatos de imaxe 3D -que agora poden importarse de xeito flexible, interpretando a súa orientación e renderizado- ou a previsualización en formatos de vídeo.
A exportación a PDF ten poucas funcións máis, como a posibilidade de incluir anotacións, metadatos e unha cor de fondo. No control da saída impresa, prácticamente nada novo: pode indicarse o número de copias e rotar 90 graos a dirección do papel, mais non rotar a fotografía nin compoñer a páxina para imprimir dúas ou máis imaxes diferentes.
Novas opcións na exportación a PDF
Desiderata
Aínda que as diferencias entre o CS3 e anteriores versións son suficientes para xustificar o lanzamento desta última, quen dispoña de PhotoShop 9 e o use básicamente para o axuste de fotografías non sentirá a urxencia de actualizarse.
As melloras demostran a preocupación por dar resposta aos novos usos da imaxe fotográfica (conversión RAW, HDR, fotografía médica, astronómica e panorámica) e por estreitar a integración con outros campos da imaxe dixital (deseño, animación, vídeo, móbiles, 3D).
Con todo, queda a sensación de que no central, a capacidade de axuste e retoque, non se demostrou a audacia doutras versións. Entre as suxerencias que se poden facer para o futuro, xa comentei a posibilidade de que o axuste de Curvas poida facerse por canle na conversión RAW. Outros pequenos detalles que vou anotando para cando volvan os Reis Magos son:
- Para o comando Corrección de lente, que sexa posible desprazar o centro e os eixos no intre de axustar o viñeteo ou a perspectiva. E que tamén se poidan rotar os eixos, non só a imaxe.
- Para o filtro Licuar, unha cuadrícula activa ou que se poida trazar mediante vectores.
- Para a ferramenta Punto de fuga, poder facer seleccións elípticas en perspectiva e funcións para sumar, restar e combinar seleccións.
- Para traballar con pincel ou aerógrafo, atallos de teclado cos que se poida regular o tamaño e a dureza do pincel ou manexar o zoom, e que non desaparezan ou se agachen noutras teclas cada dous por tres.
- Para o texto, a exportación a PDF ou a impresión, ir atopando algunhas das moitas funcións que ten -por exemplo- InDesign.
E por favor: que supriman iso de despregar só parte dos comandos de menú. ¡Que cousa tan incómoda!
|