PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►


CAPAS. ¿A QUÉ PISO VAI?

Quen teña traballado con programas de retoque hai quince anos lembrará o que significaba seleccionar e mover un trozo da imaxe dun lugar a outro: anular a información na zona de orixe e eliminar por substitución a que había no lugar de destiño. Ésta era, en realidade, unha das características que diferenciaban o mundo dos píxeles do mundo dos obxectos vectoriais; unha fronteira que, afortunadamente, desapareceu coas capas.

Seleccións flotantes
O primeiro paso para flexibilizar o transporte de píxeles foron as seleccións flotantes. Ao desprazar parte da imaxe, a información mantíñase virtualmente no ar, o que permitía "sobrevoar" a zona de destiño movendo a selección ata estar certos da súa nova posición, pero sen substituir os píxeles subxacentes. Finalmente, "aterrábase" pulsando a tecla Intro ou cambiando de ferramenta.

Máis tarde, as seleccións flotantes podían crearse a partir dun contorno de selección cos comandos Copiar e Pegar, e así a información duplicábase, conservándose no lugar de orixe.

As capas trouxeron unha das vantaxes de manipular debuxos vectoriais. Enténdese ben se pensamos no xeito tradicional en que se facían os debuxos animados, onde as personaxes debuxábanse en acetatos transparentes que se fotografiaban sobre un mesmo fondo, despfazándoos e modificando só os cambios locais.

A imaxe estratificada
O uso de capas require que en cada posición de píxel o programa poida manexar información de cor de dous ou máis píxeles diferentes. Isto, que ben seguro no seu momento requeriu un grande esforzo de programación, unha vez superado abriu unha nova dimensión para o retoque dixital sen a que moitos non saberíamos defendernos.

As vantaxes máis inmediatas de manexar unha imaxe en diferentes estratos ou niveis son que podemos desprazar certos elementos ou figuras en calquera intre sen afectar á integridade do resto da escea, e tamén aplicarlles tratamentos tonais ou modificacións dimensionais por separado.

É certo que nos máis dos casos independizar un elemento nunha capa require un traballo previo de selección e que moitas das utilidades das capas poden resolverse con seleccións. Pero unha vez illada unha forma o seu manexo é moito máis flexible como capa.

s
Unha imaxe con capas é como un desmontable: cada peza manéxase por separado.

Tamén é verdade que na saída impresa ou visualización final da imaxe as capas haberá de eliminalas. En realidade, resultan útiles para o proceso e a manipulación. A maioría dos formatos gráficos estándar non as soportan, e cando o fan, como nas últimas revisións do TIFF, poden dar problemas ao abrirlos con certos programas. Por isto, algúns formatos como o PSD de Photoshop ou o CPT de PhotoPaint son realmente formatos de traballo, indicados para non perder ningunha característica do programa e continuar o proceso noutra sesión. Paga a pena case sempre conservar unha versión do traballo completamente desmontada en pezas (PSD, CPT), por se hai que retomar o proceso, e outra no formato final indicado para a saída (TIFF, JPEG, GIF, etc).

Transparencia e fusión
As capas completamente opacas non teñen moito sentido. Suponse que debaixo hai algo que debe aparecer en certas zonas. Un píxel opaco tapa o que ten detrás, mentras que se o eliminamos -co borrador, por exemplo- ou se o tapamos cunha máscara, deixará ver a capa subxacente.

A transparencia pode tamén regularse, facendo que algúns píxeles sexan semitransparentes. Neste caso o que en realidade vemos é unha mestura dos seus valores cos da capa inferior, en relación á porcentaxe de opacidade da superior.

Ao convivir dous píxeles de distintas capas na mesma posición, os seus valores podense sumar, restar, promediar e dividir, e poden facerse bastantes cálculos máis segundo cómo queiramos combinar a información das dúas capas. Isto dá lugar aos diferentes modos de fusión, que hoxe só citaremos e que xa trataremos con calma máis adiante para ver cómo se calculan e para qué pode servir cada un deles.

s
Na paleta Capas de Photoshop vemos as miniaturas das capas e diferentes iconas e indicadores que axudan a xestionalas.

Existen distintos xeitos de crear unha capa:
Pode crearse unha capa baleira, para o que sempre hai unha icona disponible. É útil cando queremos incorporar formas con ferramentas manuais como o lápis, o pincel, o aerógrafo, etc.

Pode duplicarse unha capa existente de varias formas. En Photoshop faise co comando Duplicar capa, ou ben arrastrando unha capa ao símbolo de Nova capa. Tamén se duplica unha capa se temos pulsada a tecla Alt cando a desprazamos.

Pode transvasarse unha capa dun documento aberto a outro, arrastrándoa dunha ventá a outra, ou ben dende a paleta Capas ata o documento de destiño. Neste caso sempre se duplican. Arrastrar de ventá a ventá duplica automáticamente capas enlazadas ou que formen grupo. Dende a paleta, sen embargo, non se xuntan as enlazadas, pero pode transportarse un grupo.

Cos comandos Copiar e Pegar duplícanse capas enteiras ou créanse novas a partir dunha zona seleccionada, do mesmo ou doutro documento. Na próxima entrega falaremos dos tipos de capa e do seu manexo.

 

PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►