PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►


CANLES. RECIPIENTES DA COR

Aínda que as temos menos presentes que as capas, as canles, anteriores a éstas, son imprescindibles para o tratamento dixital da imaxe. A técnica de división en canles amósase como algo enormemente eficaz para a organización da información, e dá soporte á maioría das operacións que realizamos cos programas de retoque.

A tecnoloxía dixital é quen de descreber e reproducir diferentes cores. Moitos dos modelos teóricos están baseados en tres variables, cousa que resulta coherente co funcionamento do noso sistema visual a nivel retiniano.

E é que hai un paralelismo evidente entre a división dos conos en tres grupos e os primarios do sistema RGB. A mesma correspondencia dase no diferente papel que xogan bastóns e conos, cos modelos que miden por unha banda a luminosidade e pola outra a cromaticidade das cores.

Nun modelo trivariante, cada cor específica ven dada pola combinación de tres primarios en diferentes proporcións. O sistema RGB define mesturas aditivas cos primarios vermello, verde e azul. O sistema CMY, pola súa parte, regula a mestura sustractiva cos primarios cián, maxenta e amarelo. En Lab, un dos parámetros é a luminosidade e os outros dous son coordenadas de cromaticidade. En HSB, por último, combínanse o ton, a saturación e o brillo.

Canles de cor
As imaxes a cor que empregan estes modelos teñen unha profundidade de 24 bits, isto é, cada píxel descrébese con 3 bytes de información, e cada un deles corresponde a un primario ou parámetro básico.

No arquivo non se anotan xuntos os tres bytes de cada píxel, senón que se comeza cos valores do primario vermello, séguese cos do verde, e remátase cos do azul. Deste xeito, percórrese tres veces toda a imaxe e cada un destes barridos é unha canle de cor.

s
Estructura simplificada dun arquivo de imaxe RGB

As razóns para organizar a información deste xeito en vez de anotar os tres valores dun píxel e a continuación os do seguinte son varias, entre as que cabe destacar dúas: por una banda, os datos veñen xa organizados para o control da emisión de electróns en monitores e proxectores ou de cada cartucho de tinta nas impresoras; pola outra, poden facerse axustes que afecten directamente a un dos compoñentes da cor.

Obviamente, unha escala de grises é monocanal, como tamén o son un bitmap ou unha paleta indexada. Isto tamén ten o seu interese práctico, xa que unha canle de cor extraída da imaxe ten as mesmas características que unha escala de grises. De feito, podemos visualizalas así na paleta, simplesmente sinalándoas:

s
s
Visualización como escala de grises das tres canles de cor dunha fotografía. De esquerda a dereita: vermella, verde e azul.

Canles de selección
A información dunha selección ou máscara, pode anotarse tamén engadindo unha canle extra (canle alfa). Nésta, un valor 255 é un píxel seleccionado, e 0, un píxel enmascarado ou bloqueado. Os valores intermedios establecen porcentaxes de bloqueo, como xa vimos ao falar das seleccións.

Ao anotar unha selección nunha canle, poden utilizarse filtros e ferramentas de edición para transformala. Así, por exemplo, desenfocar a canle equivale a suavizar a selección mediante calado; pintar con negro é como suprimir parte da selección; pintar con branco é como ampliala, e pintando con grises poden definirse zonas semiseleccionadas.

Logo das modificacións, haberá que cargar de novo a canle como selección. Algúns programas ofrecen a ferramenta Máscara rápida , que amosa a selección como unha máscara creando a canle só temporalmente.

Combinacións e cálculos con canles
Se gardamos unha selección como canle e daquela trazamos unha selección diferente, podemos gardala noutra canle ou combinala coa anterior de diferentes xeitos: engadir, restar, intersectar ou excluir.

Un bo exemplo é descreber cómo se facía unha sombra paralela cando non existían as capas nin os seus efectos. Segundo vemos na seguinte figura, de esquerda a dereita e de arriba abaixo, selecciónase a figura, gárdase a selección como canle, desprázase na imaxe a selección, gárdase nunha segunda canle e desenfócase. Logo réstaselle a selección da primeira canle á segunda e a resultante xa se pode encher dun ton escuro.

s
Fases da creación dunha sombra paralela mediante o uso de canles.

Unha ferramenta rápida para trasvasar información dunhas canles a outras, moi utilizada para facer conversións de cor a escala de grises pola súa flexibilidade, é o Mesturador de canles . Limítase ás canles de cor e a os modos RGB e CMYK, pero pode volcar en calquera delas a suma de diferentes porcentaxes tomadas de cada unha.

Outra opción non moi diferente é o comando Calcular. A súa limitación é que non utiliza como orixe máis de dúas canles, aínda que pode haber unha terceira que actúe como máscara de recorte. O resultado vólcase sempre a unha nova canle, selección ou documento. Nembargantes, este método pode combinar tanto canles de cor como canles alfa dende cada capa de calquera imaxe aberta, tratándoas como capas e permitindo o uso dos modos de fusión.

Máscara de luminancia
Unha das cousas que, personalmente, máis gosto de facer con canles é unha selección ou máscara de luminancia. Chega con copiar toda a imaxe ao portapapeis, crear unha canle alfa e volcar nela a información. Tamén se pode duplicar a canle L en Lab, se non temos presa.

Esta canle pode cargarse como selección para facer algún axuste que afecte ás zonas claras e non ás escuras (ou ás escuras, se invertimos a canle), como temos visto, por exemplo, no artigo sobre a máscara de enfoque. Tamén se pode transformar a canle en máscara de capa, e actuar sobre ela para controlar a zona visible.

Canles de tinta plana
Por último, cabe mencionar que, a maiores das canles de cor e canles alfa, existe unha variante das primeiras: as canles de tinta plana.
Este tipo de canles empréganse ás veces cando preparamos unha imaxe en CMYK para a impresión offset e ademáis das catro planchas de cuatricromía se precisan planchas extra para sobreimprimir cores especiais. É o caso de cores douradas, plateadas, fluorescentes ou plastificadas, que non se poden acadar coa combinación das tintas ordinarias.

 

PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►